Sono-Tone convoca de novo ós internautas para elixir o mellor disco galego do ano

mércores, 12 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

Chega a fin de 2007 e é o intre máis axeitado para facer recontos. Hainos para todos os gustos e de toda índole, e mesmo os hai que nos tocan de preto e que ademais, serven para reivindicar un pouco máis o noso, sen agardar a que outros o fagan por nós. Nesta liña é onde se veñen de poñer, un ano máis, os responsables da revista Sono-Tone, que convidan ós usuarios da súa web a votar polos mellores discos galegos de 2007. O sistema elixido para facelo non é o cada vez menos fiable “inquérito online”.
Desta volta, apóstase por animar ós internautas a enviar un correo electrónico onde figuren os tres traballos discográficos galegos que máis lles teñan prestado no que vai de ano (no e-mail deberá incluírse o nome, o enderezo e o DNI, co obxectivo de garantir que por cada persoa que participe haxa un único votante). Segundo informa Sono-Tone, entre todos os votos recibidos farase o sorteo de cinco packs cos últimos discos editados por Falcatruada: o Manifesto Dobarrista, Silvia Penide, The Homens, Xosé Manuel Budiño e NARF. O prazo para enviar os votos remata o día 13 de xaneiro.
Esa mesma semana farase pública a listaxe de mellores discos galegos de 2007 e, igual que o ano pasado, elaborarase un especial arredor dos dez primeiros.

PUBLICIDADE