A plataforma Merexo non se vende convoca á comunidade internauta en axuda desta paraxe

venres, 7 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

Para cada medida das administracións que vén envolta en controversia e que non convence a unha parte dos cidadáns, hai unha resposta. E a Rede é cada vez máis o sitio onde se emite cara ó mundo esa resposta. Así o puidemos constatar en iniciativas como Salvemos Monteferro, SOS Courel, A Ría non se vende, ou a de Amigus nas Pontes a prol da conservación do Círculo Lítico da Mourela. Este tipo de mobilizacións, que son como un aviso de que Internet e todas as cousas que a rodean serven como plataforma de diálogo pero tamén como observatorio e medida de presión, comparte feitura e fondo con Merexo non se vende, que é froito da oposición dun colectivo de veciños de Muxía á chegada dunha nova planta acuícola á dita paraxe de Merexo.
A cuestión é esta: o proxecto de construción dun complexo empresarial que ocuparía 270.000 metros cadrados de costa para o cultivo e crianza do rodaballo non convence ós veciños. Estes, co fin de mobilizar á restante comunidade internauta, veñen de habilitar na web seccións encamiñadas a recadar sinaturas de apoio e a achegar material de todo tipo sobre a orixe deste problema e as súas consecuencias (inclúense imaxes do presente de Merexo e do futuro, cando estea ocupado polas piscinas da planta acuícola).
A páxina tamén ofrece unha galería fotográfica sobre as mobilizacións organizadas até o de agora, o decálogo dos veciños en contra do Plan Galego de Acuicultura da Xunta e mesmo unha pequena pero fermosa escolma de fotos históricas desta vila da Costa da Morte.

PUBLICIDADE