Fillos de Galicia crean unha web para atopar amigos na Rede

luns, 15 de outubro do 2007 Raquel Noya

Os responsables do portal galego Fillos.org, veñen de presentar publicamente un novo servizo web que lles vai permitir a mozos e mozas de todo o mundo, atopar amigos con intereses comúns a través do emprego de “etiquetas” exclusivamente en galego.
ETiqueTAL.com, que así se chama este novo portal web, conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e pretende animar ós internautas a coñecer novos amigos ou atopar parella a través da Rede, segundo afirman, “de xeito sinxelo e de balde”.
Esta web baséase no concepto de semántica, de xeito que cada usuari@ pódese definir a sí mesm@ mediante unha icona, unha frase favorita e unha serie ilimitada de tags ou etiquetas que descreben todo aquelo que lle gusta a cada un. De xeito automático, o sistema avisa de outros usuarios que comparten eses mesmos gustos e ponos en contacto privado mediante un sistema de mensaxería interna.
O responsable técnico desta iniciativa, Manuel Casal Lodeiro, afirma que se inspirou noutras experiencias de contacto persoal e da Web 2.0 para “facer que os mozos galegos empreguen máis o galego para se relacionar entre si na Rede”.
Dende Fillos de Galicia indican que este novo servizo conta xa “con máis de cen usuarios rexistrados”, a pesares de atoparse aínda en fase “beta”, pendente de achegar novas funcións e diversas melloras.

PUBLICIDADE