rlaxx TV amplía a oferta de televisión en aberto a través da Rede

luns, 9 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Nos últimos días chegou a España unha nova plataforma televisiva a través da Internet con acceso de balde financiado a través de publicidade, na liña de Pluto TV, e que responde ao nome de rlaxx TV. Polo momento esta plataforma está dispoñible en televisores de LG e dalgunha outra marca e dispositivos Fire TV, Apple TV e Android TV, estando previsto que máis adiante conte con aplicacións para televisores Samsung e dispositivos con iOS e Android.
Actualmente rlaxx TV ofrece 27 canles de programación lineal, con contidos musicais, de estilo de vida, deporte e ficción, sendo probablemente a canle máis destacable Vevo Pop, e contando polo momento con contidos pouco interesantes para o público español, aínda que o feito de que estea a incrementar tanto o número de plataformas con contidos audiovisuais de balde (aparte de Pluto TV tamén están Tivify, Rakuten TV e Samsung TV Plus) que poden recibirse directamente dende o televisor poderían pór en xaque ás plataformas tradicionais, facendo que programacións alternativas poidan gozar dunha dispoñibilidade que até hai pouco parecería imposible, e con moi pouca fricción de cara ao usuario (algúns televisores integran este tipo de canles dentro da súa guía, equiparándoos ás canles da TDT, de xeito que poden sintonizarse sen ter que abrir a súa aplicación correspondente).

PUBLICIDADE