Un canciño de Sony que fala galego será o mestre de cerimonias da carpa do Obradoiro
Un canciño xaponés que fala galego non é algo que se vexa tódolos días. En realidade, é algo que non se ve endexamais, agás este martes 16 de maio na praza do Obradoiro Santiago, concretamente na carpa instalada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual. O canciño en cuestión, que se chama Axóuxere, será _por dicilo así_ o anfitrión e mestre de cerimonias da devandita estrutura, onde se promocionarán moitas cousas distintas pero dalgunha maneira complementarias: a creación audiovisual, Internet, a comunicación, o concurso Curtas na Rede e (por tratarse da véspera do Día das Letras Galegas) a cultura galega. Diso, de promocionar, tamén se encargará o canciño Axóuxere. Trátase dun robot desenvolvido por Sony que foi “aprendido” a falar galego e que representa, segundo fai saber a organización, un referente fundamental diso que se podería chamar “tecnoloxía ó servizo dunha identidade cultural propia”.
|