 Pablo López Consultor e xerente de Hacce
| A accesibilidade web chega a Galicia e aínda quedamos moitos que non sabemos realmente que é unha web. Pensabamos que unha web de calidade era aquela onde había moitas cores e moito movemento, e nunca nos paramos a pensar porqué demo Internet tiña que imitar á televisión. Asemade, nunca imaxinabamos que había xente que non tiña maneira de acceder a moitas páxinas, e que polo tanto a Sociedade da Información era unha especie de “cousa” excluínte por partida dobre. Por exemplo, hai posibilidade de que unha persoa cega do rural poida chegar a ser internauta? O certo é que hai moitas cousas redes posibles, e a que vemos cada día non é a mellor das que se puideron construír, sobre todo cando aínda hai administracións e empresas que non se preocupan por facer páxinas que poidamos ver e escoitar todos. Nós falamos con Pablo López, consultor e xerente da empresa Hacce de Vigo, e durante a conversa foron caendo perante os nosos ollos unha serie de mitos. Por exemplo: non é certo que as páxinas accesibles sexan máis feas. Ademais, segundo Hacce, son máis cómodas de utilizar e aparecen máis nos buscadores. Para máis información: http://www.hacce.com
-Acabas de chegar das xornadas SIDAR de accesibilidade celebradas en Euskadi e, polo que me contas, os deseñadores vos sentíchedes un pouco como os “bichos raros”, sobre todo perante os empresarios que contratan desenvolvementos web. Por que esa sensación? -A sensación é algo natural, porque estás a traballar nunha liña nova. Estás a dicir que hai que facer primar os contidos e o seu manexo fronte ao espectáculo visual. Chegas e pos o “como” ao mesmo nivel que o “que”, para que dese xeito todo o mundo poida acceder aos contidos web. Nunha sociedade na que se fan produtos para ese comprador que non existe na realidade como é o “comprador modelo”, defendes que hai que chegar a tódolos públicos sen excepción, aínda que isto represente un esforzo. Para conquerir estes obxectivos, buscas cambiar a metodoloxía e as ferramentas. Tes que preocuparte por cousas que a maioría dos usuarios non aprecian. Por todo elo, é unha sensación que asumimos (a de “bicho raro”), pero con orgullo. Porque canto máis te achegas ó mundo da accesibilidade web, máis se fornece o convencemento de que as cousas hai que facelas así.
-Resúmenos en poucas palabras a túa visión destas xornadas. -As xornadas teñen tres visóns diferentes achegadas por outros tantos “actores” do proceso de deseño web. Por unha banda, están os esponsors das xornadas, que acudiron para falarnos dos esforzos que están a facer neste eido e para amosarnos os programas sociais que están a levar a cabo en distintos ámbitos. Logo, estiveron os organismos públicos, que fixeron reconto de todo o que están a facer neste eido. A verdade é que no País Vasco hai certa actividade ó respecto, que non abonda pero que, comparada co esforzo cero que se fixo en Galiza ata o de agora, sobresae positivamente.
Por exemplo, están a axeitar as súas webs a tódolos usuarios, e tamén están a facer cousas como preparar ós deseñadores con cursos ou tamén a subvencionar cunha cantidade maior de cartos as páxinas das pequenas e medianas empresas co fin de que sexan accesibles. En xeral, o discurso é este: sabemos que non imos cumprir cos obxectivos a final de ano, pero estamos a traballar niso e estamos moi concienciados.
E, por último, estabamos nós, os deseñadores, que analizamos temas máis técnicos, intercambiando todo tipo de conceptos de accesibilidade e usabilidade. Nótase iso do que falabamos, ese síndrome do “bicho raro” en cada empresa co “pesado este da accesibilidade”. Somos conscientes que non estamos indo polo camiño máis doado no mundo da Web, pero se esta é unha canle de comunicación que existe para transmitir, comunicar, vender, entón, por que deixar fóra a preto dun 10% da poboación? Sería pouco coherente.
-Por que é necesaria a accesibilidade? Que beneficio sacamos dela? E o máis importante de todo: en que consiste? -A poboación envellece cada ano. Os avances técnicos e médicos en vez de diminuír o que chamamos a “diversidade funcional”, fan que esta se incremente. Polo tanto, cada vez hai máis xente que precisa unha Web que se poida adaptar a súas necesidades. A accesibilidade consiste en facer máis doada a navegación. Non é crearlles ós usuarios as versións que queren. Tampouco consiste en pórlles un botón para aumentar as letras a un tamaño determinado. Nin é configurarlles as cores como ti consideras que lles vai a ir ben. É deixarlles que usen a súa propia folla de estilos e os poñan de modo que lles sexan cómodos, ó tamaño que lle pareza apropiado.
-Cres que a accesibilidade é o primeiro paso para un asentamento firme en Galicia da Sociedade da Información? -Tanto como o primeiro paso... pensamos que ten que ir incluído en calquera paso. Cando o ano pasado saía a campaña “Internet é para ti” e saía nos medios xente de avanzada idade navegando, eu facíame a min mesmo as seguintes preguntas: cando esa persoa se conecte a Internet, e non sexa quen de ler gran parte dos contidos debido ao tamaño de letras que se utilizan, ou se perda nos labirintos que son as navegacións en algunhas páxinas web, volverá a conectarse? Valerá de algo o esforzo económico desa persoa para estar on line e a campaña de difusión?
-Coa man no corazón, que opinas de ferramentas como Flash? -(Risos, Pablo tómase tempo para contestar, xa que se trata dunha pregunta coa que lles queremos turrar da lingua) É o tema que nos trae maiores discrepancias con outros deseñadores. Parécenos unha ferramenta magnífica para algunhas aplicacións. O uso intensivo que se fai en moitos desenvolvementos non é que sexa abusivo, senón que é directamente un intento importar patróns de deseño de outros medios como a televisión, sendo Internet un medio con características absolutamente distintas. Unha das preguntas que fago habitualmente a xente é esta: que páxinas webs visitas máis a miúdo e como están deseñadas? E continúo: pois aplica a túa experiencia de usuario aos teus deseños e ós da túa empresa, e verás como o usuario acaba por agradecelo.
-Non estas polo tanto en contra do Flash, polo menos ó cen por cen... -O Flash debe ser unha ferramenta máis. Igual que un albanel utiliza o martelo ou a pa, segundo o tipo de traballo que teña que facer, os deseñadores webs deben concienciarse do mesmo. Se pensamos nun albanel que pretende cavar un foso cun martelo, temos a imaxe aproximada dun deseñador que sempre utiliza Flash por sistema, cando ten ó seu alcance ferramentas moito máis apropiadas para o traballo que quere facer. Pero iso non lle quita utilidade ó Flash. Por exemplo, nas xornadas falouse da utilización do Flash para poder traducir á linguaxe de signos os contidos da web para que as persoas xordas poidan acceder a estes contidos sen problemas.
-Nós publicamos unha nova na que se daba conta de que a web que o Goberno habilitou en Internet para informar da gripe aviaria estaba deseñada con Flash, cres que isto é lóxico? Que che parece (estouche a turrar da lingua, como ves)? -O primeiro que nos sorprendeu, e moi agradablemente, foi que os medios se fixeran eco de este feito, parece que a sensibilidade social sobre a accesibilidade web vai en aumento. Que dende as administracións públicas aínda se fagan webs para a cidadanía que deixan exentos do acceso a información a un importante sector poboacional é moi triste. E, a partir do 1 de Xaneiro de 2006, será triste e ilegal. A lei 34/2002 da LSSI/CE, obriga a tódalas administracións públicas a ter a súas webs de acordo coas pautas de accesibilidade.
-É certo que os criterios de accesibilidade lle quitan o bonito á páxina web? Dito doutro xeito: pode haber un portal accesible que, así e todo, sexa agradable de ver? -Creo que todo o contrario. Unha web accesible soe ser máis agradable a vista, menos agresiva e a navegación é moito máis sinxela e rápida. Os últimos desenvolvementos que se están a presentar amosan que a accesibilidade é perfectamente compatible coa creatividade.
-Que se está a facer dende o novo Goberno da Xunta e dende as institucións en xeral (como as universidades) a prol desta cuestión? -Nós estamos a manter contacto coas distintas administracións e a traballar xa con algunha. A verdade é que se trata dun tema que en moitos casos cólleas por sorpresa, só hai que ver as súas webs. Ó longo do ano que vén asistiremos á renovación de moitas webs, nas que se tentará que a información estea dispoñible para todos. A Universidade de Santiago foi unha das pioneiras a nivel nacional en adaptar a súa web, e sei que seguen a traballar no tema e tentando difundilo.
-E xa para rematar, fálanos do labor da vosa empresa, Hacce. Dende cando existides? Cales son os vosos obxectivos e estratexias? -Levamos seis meses como consultores e desenvolvedores traballando só en temas de accesibilidade web e usabilidade. O noso cliente prioritario é a administración pública, xa que ten a obriga legal e moral de facer accesibles as súas páxinas. Pero, nestes meses, comezamos tamén a traballar con algunhas empresas privadas, axeitando ás súas webs, e atopamos gran receptividade pola súa parte. Os resultados saltaron á vista de xeito inmediato. Por exemplo: aumentaron as vistas recibidas e os correos recibidos facían mención a que as coñeceran a través da páxina web, e as entradas desde os distintos buscadores. Este e un eido no estamos a traballar cada vez máis, porque ao facer unha web accesible consegues non só aumentar o nivel de satisfacción do usuario, ao sentirse cómodo navegando, senón que tamén consegues optimizar outros aspectos vitais hoxe en día na web, como é o posicionamento en buscadores tipo Google.
|