Código Cero - Diario Tecnolóxico
DIARIO DIXITAL

Novas Tecnolóxicas de Galicia con boletíns por correo electrónico e edición en papel nos quioscos galegos.

PRINCIPAL   |  FOROS   |  REVISTA EN PAPEL   |  HEMEROTECA   |  O NOSO EQUIPO   |  TOP 100   |  CONTACTAR CON NÓS


Xoves, 2 de Setembro de 2010

               

Nova

Pedro Jorge Romero: “A Web 2.0 é como tivo que ser a Web orixinal”
A burbulla das puntocom nunca estourou, e se chegou a estourar foi por que tiña que facelo. Agora, coa perspectiva do tempo, semella que deste punto de inflexión saíron máis cousas boas do que se cría, sobre todo para os usuarios de Internet. Os receptores da información pasaron a ser emisores. Eu e máis ti. Nós e vós. Antes do estoupido, Internet era un monólogo. Esta introdución, rescatada dos arquivos de Código Cero, vén a conto porque esta nova orde da Sociedade da Información, a Web 2.0, foi o tema principal dunha xornada organizada hoxe xoves en Santiago.Aquí vai unha reflexión apuntada no noso bloc de notas: “A Web 2.0 é como tiña que ter sido a Web orixinal, unha plataforma que se usa, non se consume”. Son palabras de Pedro Jorge Romero (na imaxe).

Romero acudiu á cita, organizada na Escola Superior de Enxeñería Técnica da USC, en calidade de blogueiro pero tamén de representante da Asociación de Usuarios de Linux da Universidade compostelá (e, sobre todo, acudiu como internauta). Pedro Jorge, un vello coñecido de Código Cero, comezou a súa intervención cunha broma: “Cal é a diferenza entre a Web 1.0 e a 2.0? Pois que na primeira estaba todo en construción e na segunda todo está en beta”. Algo de verdade debe haber nesta reflexión, porque lle permitiu desenvolver o resto do seu relatorio: “A Web 2.0 emprégase, mentres que a 1.0 consúmese. Pensemos por exemplo en Writely.com, un procesador de texto que está visitable na Rede e, por suposto, utilizable”. Ó seu xuízo, é de crucial importancia pararse no seguinte concepto: intelixencia colaborativa, propio da nova orde da Rede.

Poñamos un exemplo: Amazon.com. Por que Amazon.com ten éxito perante a súa competencia natural? Pedro Jorge foi claro ó respecto: “Porque che deixa comentar os libros ós que acodes e che dá a posibilidade de adquirilo ou non dependendo do que digan os demais usuarios. Convídanche a falar e a aproveitarte do factor intelixencia colectiva”. Na opinión de Pedro Jorge, a fin de contas, sempre hai máis posibilidade de sacar xuízos de valor fiables da suma e o promedio de moitas opinións ca dunha soa.
A Wikipedia, a fin de contas, é un exemplo diso, tendo como ten, segundo Romero, “unha capacidade infinita de recuperarse dos erros”. A Wikipedia, ó seu xuízo, baséase na confianza nos restantes usuarios da Rede, no poder de moitos.
Este é, a fin de contas, un dos piares fundamentais da Web 2.0.
Máis exemplos perfectos da nova orde Internet? Que tal se pensamos en Flickr?
Vale, é un pouco antiga, pero segue a estar de plena actualidade. Así opina moita xente, incluído Pedro Jorge, que lle sacou unha foto á audiencia do salón de actos da ETSE para despois pendurala no devandito servizo de fotografías on line. Servizo que, por outra banda, non sempre foi de imaxes compartidas e comentadas, senón que iso de que os usuarios acheguen fotografías dende tódolos currunchos do mundo veu despois. “A importancia de Flickr radica na rede social que leva dentro. As fotos que poñemos, polo feito de seren comentadas polos internautas, adquiren valor”. Na opinión de Romero, a Web 2.0 é como tivo que ser a Web orixinal, unha especie de corrección histórica. Proba diso son as bitácoras, “un invento estupendo que amosa o mal que fixemos coa Rede nos seus primeiros días”. Tamén achegou chaves de futuro:
· Máis Web nos móbiles
· Máis xornalismo cidadán (un exemplo disto foi a cobertura que ofreceron os cidadáns de Londres dos atentados do metro)
· Milleiros de millóns de novos usuarios, pendentes agora de acceder a Internet, van cambiar para sempre o que entendemos por Sociedade da Información

No acto celebrado na ETSE en Santiago tamén houbo espazo e tempo para outros xeitos de ver o futuro de Internet, un futuro que non é doado de albiscar (por exemplo: ninguén agardaba que a Rede nos ía achegar unha nova oportunidade, un segundo comezo logo daquel primeiro de 1995). A xuízo de Joaquín Lameiro, delegado en Galiza de IBM, volvemos dalgunha maneira a aquel punto de inflexión, só que a unha escala maior. É algo así como un “volver a comezar” ou un “regreso ó futuro” pero con certos matices que cómpre aclarar. Por exemplo, agora é máis importante o feito de crear contidos, non de consumilos (neste punto Lameiro coincidiu con Romero). E proseguiu: “Coa Web 2.0 estamos a anticipar xa unha idea de innovación colaborativa como un novo modelo de produción, e é posible que en breve se poña en dúbida o esquema mesmo de empresa tradicional como modelo de negocio”. Lameiro fíxose a si mesmo e á audiencia de novo a pregunta inevitable: “Que é a Web 2.0?... se é que é algo”. Na súa opinión, é certo que é algo, ou polo menos así o reflicte Google, onde é posible atopar máis de nove millóns de entradas sobre o termo. E di Lameiro: “A Web 2.0 non ten que ver tanto co software como coa xente na Rede. Basicamente, é unha plataforma que potencia o coñecemento colectivo”. Neste tempos que corren, nos que semella que todo o resolvemos co que el denomina “googleazo”, hai unha cousa que delegado en Galiza de IBM aconsella ter en conta: “A Web é cada vez máis semellante a un cerebro humano, e as súas ligazóns son como as que cinguen os sistemas neuronais, e é posible que acabe por converterse todo nunha especie de extensión do noso cerebro”, comentou.
A visión de Microsoft
Xusto antes de que pasar o ecuador da xornada puidemos sentar con Álvaro Morón, director de Estratexia de Plataforma de Microsoft, quen nos achegou o punto de vista de multinacional con respecto ós cambios que nos depara a Sociedade do Coñecemento (e hai que ter en conta que falar de tendencias de Microsoft é, precisamente, como falar das tendencias dunha boa parte da tecnoloxía informática). Segundo Morón, os alicerces sobre os que se apoia a estratexia de futuro desta empresa son os seguintes: fidelidade, seguridade e identidade. Estes tres factores son fundamentais, a maiores, para un país como España, onde se rexistra unha porcentaxe baixa de persoas que se conectan cada día ás redes: o 20%. Polo, tanto, a seguridade é crucial para incrementar a confianza.

Morón fixo referencia tamén ó Windows Media Center, a gran aposta de Microsoft para o fogar dixital, que se podería definir (segundo Morón) como “un produto que posibilita novos sistemas de integración dixital, coma trasladar o concepto do PC ó salón da nosa casa, permitíndonos acceder a toda a información multimedia de xeito doado e rápido” (cómpre sinalar que este servizo xa está dispoñible na súa versión española).

A Web 2.0 pode ser tamén oportunidade de novas formas de negocio, segundo indicou en Santiago o director de Estratexia de Plataforma de Microsoft. Sobre todo, en países con penetración alta de novas tecnoloxías, “polo que é fundamental que Galiza suba na súa taxa de internautas e aproveite esta nova ocasión de xerar riqueza”. Neste sentido, non puidemos evitar preguntarlle a Morón polas posibles solucións a este desfase dixital galego. Ó seu xuízo, están ben claro: incrementar a formación e as infraestruturas, co fin de leva-las redes tecnolóxicas fóra das cidades, a unha poboación dispersa de máis. Para acadar isto, dixo, é crucial que se poñan acordo as empresas e as administracións.

Windows Vista. Comentar o Windows Vista foi, por así dicilo, o punto e final da charla con Álvaro Morón. Para comezar, preguntámoslle cando estará dispoñible, e a data que nos achegou foi a seguinte: a finais do verán. Logo, asaltámolo con preguntas sobre os cambios que vai incorporar este novo sistema operativo. “Hai tantos, que non sabería por onde empezar”, comentou. Uns exemplos: o sistema de buscas internas (“un sistema dinámico e doado que che permite maior operatividade e buscas instantáneas, ó estar todo o contido do PC indexado”), un entorno gráfico mellorado, máis fiabilidade, máis seguridade (“a que demandaban os usuarios”, dixo) e unha presentación dos contidos máis visual, con opcións para visualizalas en tres dimensión.

Entrevista
Pablo López
Consultor e xerente de Hacce

Firma convidada
Moncho Paz
Moderador de Xanela Aberta en Código TV


















Caixa Galicia







PRINCIPAL   |  FOROS   |  REVISTA EN PAPEL   |  HEMEROTECA   |  O NOSO EQUIPO   |  TOP 100   |  CONTACTAR CON NÓS

Grupo Código Cero Comunicación
UNINOVA- Recinto MercaGalicia
Polígono Industrial do Tambre - Vía La Cierva s/n
15890 Santiago de Compostela
Teléfono 981 51 96 00 Extensión 36 - 981 93 63 24
Telefax 981 55 77 07
webmaster@codigocero.com

AETG - EGANET