|
|
| Xoves, 2 de Setembro de 2010 |
|
Telexerontoloxía: un proxecto galego a seis bandas para mellorar a calidade de vida das persoas con limitacións físicas Segundo este proxecto, non é preciso que se despreguen no fogar do doente incómodas infraestruturas, xa que os servizos tecnolóxicos tenden a ser cada vez máis invisibles. Para utilizar o sistema, desenvolvido polo Grupo de Xerontoloxía da Universidade da Coruña, unicamente fai falla liña telefónica convencional, un televisor e unha pasarela residencial (a peza que permite a interconexión de tódolos dispositivos e a comunicación co exterior). Para o funcionamento do sistema requírese un mando de control que cumpre tódolos criterios de accesibilidade para persoas con limitacións físicas ou cognitivas e unha pulseira de alarma, que é un dispositivo móbil que lle permite ó doente facer peticións de auxilio, estando fóra ou dentro do fogar, e que posibilita a súa localización inmediata. Estas son as funcionalidades deste servizo: · Aplicación para a xestión de historiais clínicos · Aplicación de teleestimulación cognitiva · Videoconferenzas de atención médica e rehabilitación · Dispositivo navegador accesible · Pulseira telealarma e localizador do usuario O proxecto é tanto máis innovador en Galiza e España por ser unha iniciativa conxunta entre universidades (a da Coruña e a de Vigo, esta última co Grupo de Enxeñería Telemática), institucións (Dirección Xeral de I+D), fundacións (Obra Social de Caixa Galicia), centros de investigacións (CESGA), colectivos (Asociación de Pensionistas e Xubilados da Coruña) e empresas (a galega de telecomunicacións Televés). Tódalas persoas que participaron na presentación do proxecto coincidiron en salientar que, moi posiblemente, moi poucas veces se teñen xuntado tantas frontes distintas á hora de levar a cabo unha iniciativa que beneficia ostensiblemente á sociedade. Dito doutro xeito: non é habitual ver a unha empresa colaborando ombro con ombro con institucións públicas, universidades e asociacións. Sen embargo, non por ser pouco frecuente (coincidiron os responsables) debe pecharse definitivamente este camiño de cooperación, senón todo o contrario. Ese é o vieiro a seguir. Para que se entenda, incluímos esta gráfica na que se especifican as diferentes achegas dos implicados. |
|
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() |
|
Grupo Código Cero Comunicación |
|