Google incrementa a capacidade do seu correo de balde prometendo capacidade máis que infinita
Google lanza un novo envite para o seu servizo
de correo electrónico gratuíto para contrarrestar os movementos dos seus
competidores, que tamén están a ampliar o espazo das súas contas. Pero, ¿qué
podería ofrecer Google agora para o Gmail? ¿Ata onde podería chegar a
capacidade das contas de correo? A resposta parece doada para a xente de
Google: ¡ata o infinito e máis alá! (co permiso de Buzz Lightyear).
A compañía do buscador máis popular vén de aumentar a capacidade das súas
contas a 1592 Mb e continúa a aumentalas, asegurando que se trata dun plan no
que dará contas de capacidade practicamente ilimitada, ou sexa, que incrementarán
a capacidade segundo a necesidade dos usuarios.
A verdade é que poucos usuarios están a superar o límite actual de capacidade, pero hai quen emprega o Gmail para almacenar vídeos, documentos, imaxes, etc. polo que o incremento de capacidade (que chegaría en breve ós 2 Gb) sería unha boa solución para os mesmos e tamén decantaría a moitos novos usuarios a apostar por Google á hora de crear unha nova conta de correo electrónico.
|