nVIDIA deixará de competir nos procesadores para smartphones

martes, 27 de maio do 2014 Marcus Fernández

Nos últimos anos puidemos ver como a emerxencia de smartphones e tablets levou a varios fabricantes a competir para dotalos de potentes procesadores, e aínda que nVIDIA conseguiu desenvolver potentes solucións, o mercado decantouse por fabricantes como Qualcomm e MediaTek, o que está a levar á compañía dirixida por Jen-Hsun Huang a reorientar os seus esforzos, abandonando parcialmente o mercado dos dispositivos móbiles para centrarse nos videoxogos e os automóbiles.
nVIDIA ten moita forza no sector do PC, pero os novos dispositivos están a reducir o mercado dos ordenadores persoais, polo que a compañía californiana ten que buscar novos nichos. Deste xeito desprazarán a súa liña de produtos móbiles a outros dispositivos que poidan tirar proveito da tecnoloxía na que a compañía é líder, por considerar que a computación gráfica non é tan importante nos smartphones como pode selo nos videoxogos ou nos ordenadores integrados en automóbiles.
Resulta un tanto confuso o rumbo trazado pola compañía, que parece deixar claro que fracasaron nos móbiles, pero aínda non tiraron a toalla nos tablets, por considerar que aínda é posible crear dispositivos deste tipo centrados nun bo rendemento e nuns gráficos avanzados, así como en consolas de videoxogos baseadas en Android e outras solucións semellantes que van afastando os xogos dos smartphones para achegalos a trebellos con pantallas de maior tamaño (o que permite que os gráficos gañen peso, facilitando que nVIDIA poida marcar a diferenza).
Podemos entender que nVIDIA considerou que, aínda que no pasado puidese manterse no segmento dos smartphones competindo con Qualcomm, a chegada de MediaTek mudou excesivamente o xogo, pois esta última compañía centrou os seus esforzos nos prezos reducidos, guerra á que a nVIDIA non lle compensa entrar, xa que sempre centrou a súa tecnoloxía na innovación e a potencia, non no baixo custo.

PUBLICIDADE