nVIDIA colle a dianteira en procesadores gráficos tanto de sobremesa como móbiles

mércores, 24 de xullo do 2013 Marcus Fernández

De cara á celebración do SIGGRAPH 2013 o fabricante de tarxetas gráficas nVIDIA está a amosar as súas armas, comezando pola nVIDIA Quadro K6000 GPU, a tarxeta gráfica máis potente que se fixo nunca, combinando unhas elevadas prestacións cun consumo eficiente e destinada a un mercado profesional. A Quadro K6000 está baseada en tecnoloxía nVIDIA Kepler, con 12 Gb de memoria GDDR5 ultra-rápida, 2.880 núcleos (SMX), soporte de ata 4 pantallas con resolución 4K con DisplayPort 1.2 e ultra-baixa latencia para soportar visualizacións a grande escala.
Esta nova gráfica estará dispoñible no outono, inicialmente a través de compañías como Dell, HP, Lenovo e outros grandes fabricantes de estacións de traballo, de integradores de sistemas (como BOXX Technologies e Supermicro) e de distribuidores autorizados (como PNY en Europa); pero non é o único produto nesta liña do que están a presumir, senón que tamén deron a coñecer que a tecnoloxía Kepler terá versión móbil, que tamén no outono chegará aos integradores.

A tecnoloxía nVIDIA Kepler estará dispoñible para dispositivos móbiles

Esta tecnoloxía partiría do Proxecto Logan, un novo procesador de nVIDIA que achegaría a dispositivos móbiles unha capacidade gráfica como propia de equipos de sobremesa, de xeito que en poucos meses podería ser posible que en dispositivos móbiles puidésemos ver en dispositivos móbiles gráficos propios de videoconsolas domésticas.
A versión móbil de Kepler permitirá que un tablet goce dunha potencia gráfica superior á dunha PlayStation 3, conseguindo manter un consumo reducido, aínda que se facemos a comparación con dispositivos móbiles un xeito de entender o logro de nVIDIA sería dicindo que con esta tecnoloxía consegue os gráficos dun iPad 4 coa terceira parte de consumo enerxético, o que é un logro notable.


Demostración da potencia da versión móbil de Kepler

PUBLICIDADE