nVIDIA actualiza os seus controladores para loitar contra Meltdown e Spectre

mércores, 10 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Pese a que as gráficas de nVIDIA son inmunes ás ameazas informáticas detectadas, actualizan os seus controladores para axudar a loitar contra as mesmas

Nos últimos días non cesan as informacións sobre as medidas para mitigar os efectos de Meltdown e Spectre, e a última compañía en actualizar o seu software é nVIDIA, que lanzou parches para as súas tarxetas gráficas, aínda que quixeron deixar clara unha cousa: o hardware gráfico de nVIDIA (GPU) é inmune aos problemas de seguridade detectados, ou sexa, que as actualizacións que lanzan queren axudar a mitigar o problema dos procesadores (CPU) afectados.
Sobre as distintas variantes das vulnerabilidades detectadas dende nVIDIA matizan que a primeira é á que corrixen coa nova actualización, a segunda precisará de maiores actualizacións no futuro (para o que nVIDIA colaborará con outras compañías) e para a terceira non atopan motivos para pensar que o software de nVIDIA poida verse afectado.
En calquera caso temos un novo exemplo da necesidade de manter os nosos equipos informáticos actualizados, tanto no que ao sistema operativo se refire como tamén os controladores de hardware, xa que as ameazas informáticas poden chegar a través de distintos vectores, e cómpre pór o maior número de atrancos posibles ás ameazas informáticas para manter seguros os nosos equipos e os que se relacionan cos mesmos.

PUBLICIDADE