macOS incorpora soporte para gráficas externas

luns, 2 de abril do 2018 Marcus Fernández

Durante a WWDC de 2017 Apple anunciou que os usuarios dos seus equipos informáticos poderían introducirse na realidade virtual (e o seu desenvolvemento) grazas ao uso de tarxetas gráficas externas, tecnoloxía que tiñan previsto achegar aos consumidores en primavera de 2018 e finalmente está aquí, xa que macOS High Sierra 10.13.4 estrea soporte de eGPU para equipos con Thunderbolt 3.
Deste xeito, portátiles MacBook Pro lanzados a partires de 2016, ordenadores iMac de a partires de 2017 e o iMac Pro que teñan a última versión de macOS poderán gozar de tarxetas gráficas externas, o que permitirá mellorar o rendemento gráfico para aplicacións profesionais, xogos 3D e contidos de realidade virtual (xa que as gráficas externas si conseguen o rendemento para poder mover os cascos de realidade virtual actuais, algo para o que as gráficas que integra Apple nos seus ordenadores non son capaces).
No caso de ter que conectar unha eGPU non MacBook Pro é preciso contar cunha caixa externa, que conte cunha fonte de alimentación de seu para poder conseguir potencia dabondo para facer funcionas as gráficas de alto rendemento, que nun principio poderían ser AMD Radeon RX 570 e RX 580, Radeon Pro WX 7100, Radeon RX Vega 56 e 64, Radeon Vega Frontier Edition Air e Radeon Pro WX 9100, e poderían aproveitarse en aplicacións deseñadas con Metal, OpenGL e OpenCL.
Cómpre advertir que macOS High Sierra 10.13.4 non soporta eGPU en Windows empregando Boot Camp ou cando o sistema operativo está en modo de recuperación ou instalando actualizacións.

PUBLICIDADE