iTunes supera os 1.000 millóns de subscricións a podcasts

martes, 23 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Apple está a celebrar que a través de iTunes veñen de superarse os 1.000 millóns de subscricións a podcasts, o que supón un grande fito para este formato de contidos que conseguiu certa notoriedade grazas as facilitades que puxo Apple para achegalo aos seus reprodutores multimedia portátiles e para darlles visibilidade.
Actualmente hai uns 250.000 podcasts rexistrados en iTunes en máis de 100 idiomas e con máis de 8 millóns de episodios, todo un logro que a moitos podería sorprender polo feito de que Apple non está a monetizar este fenómeno directamente á vez que o promove, por exemplo, estreando unha aplicación independente para poder xestionar a subscrición e descarga de podcasts.
Aínda que os podcasts non son un invento de Apple, a súa incorporación en iTunes en 2005 como unha alternativa á radio provocou a súa emerxencia global, aínda que a súa popularidade cambia moito segundo o país, de xeito que o impacto que teñen nos EE.UU. é moi superior ao que podemos ver no noso territorio.

PUBLICIDADE