iSOCO e Bitext lanzan ó mercado un buscador de terceira xeración

xoves, 25 de outubro do 2007 Raquel Noya

As empresas iSOCO e Bitext veñen de anunciar o lanzamento dun buscador de terceira xeración, Naveganza, que se basea na comprensión dos usuarios e dos documentos aplicando Tecnoloxía Semántica e de Linguaxe Natural. Segundo manifestan os responsables de ambas compañías, “os buscadores actuais non dan resposta á necesidade de acceder con rapidez e eficacia á información que existe en Internet”. Naveganza din, “supón un novo xeito de acceder ós datos existentes na Rede dando un salto cualitativo dende os buscadores de segunda xeración”.
O director xeral de Bitext, Antonio Valderrábanos considera que este acordo con iSOCO “vai permitir construír buscadores que incorporan linguaxe natural ás máquinas, de xeito que sexan estas as que aprendan a linguaxe das persoas e non ó contrario, como vén sendo dende a aparición do primeiro ordenador”.
Ambas empresas traballan con capital e tecnoloxía cen por cen española e neste proxecto investiron máis de 600.000 euros.

PUBLICIDADE