iSEAS mobiliza tecnoloxías de observación e cálculo para rendibilizar o máximo a nosa pesca

luns, 11 de xaneiro do 2016 Fernando Sarasketa

O proxecto iSEAS, que se dirixe a impulsar escenarios de sustentabilidade nas pesqueiras da Unión Europea, conta con ampla participación galega entre os seus socios principais de proxecto. De feito, nas súas fileiras, dándolle forma e facéndoo medrar, atopamos o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC, con sede en Vigo), o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), a Universidade de Santiago (departamentos de Economía Aplicada e de Enxeñaría Química), os Talleres Josmar de Nigrán ou a organización OPROMAR (Marín), aos que se suma o Instituto Español de Oceanografía, que tamén ten sen sede de seu en Vigo. A alianza-consorcio iSEAS, cuxo principal coordinador e o IIM-CSIC dende a nosa terra, encamíñase a sentar os alicerces dunha contorna sustentábel (en termos de indicadores biolóxicos e socio-económicos) nas áreas de pesca da Unión Europea. Isto, sinalan os impulsores do proxecto, acadarase unindo as experiencias tecnolóxicas, investigadoras e económicas dos integrantes do consorcio.
Máis en detalle, conseguirase “mediante a mellora da posta en práctica dos coñecementos existentes como de solucións innovadoras para a redución e xestión dos descartes pesqueiros”.
Para quen non o saiba, os descartes (en palabras da FAO) son as capturas que constitúen a porción de materia orgánica de orixe animal que se teñen que rexeitar durante a actividade pesqueira mesma. Estes capturas desbotadas (e o xeito de reducilas) son, a día de hoxe, un dos meirandes retos medioambientais e produtivos aos que se enfronta a nosa pesca, tanto no ecolóxico como tamén no económico (trátase de recursos estragados, presentes e futuros). Cómpre lembrar que esta problemática adquiriu unha nova dimensión o 1 de xaneiro do ano pasado, ao entrar en vigor no ámbito da UE a nova política pesqueira común que prohibe devolver ao mar os descartes, o que segundo a Comisión Europea redundaría nunha información fiábel e certeira sobre o que se apaña e de que xeito e, tamén, fomentaría prácticas máis sustentábeis a bordo.
O proxecto LIFE iSEAS, dado a coñecer en Vigo en xullo de 2014, xorde precisamente para dar reposta a todo o devandito. Os seus principais vieiros de actividade son os seguintes: optimizar o rendemento da pesca seleccionando as áreas pesqueiras e a época durante a que a probabilidade de descartes sexa máis baixa, mellorar con tecnoloxía as artes de pesca e achegar opcións económicas viábeis.
O proxecto, que conta cun orzamento de 3,8 millóns de euros, foi presentado recentemente na feira de produtos mariños CONXEMAR, onde os responsábeis do mesmo amosaron as súas previsións tecnolóxicas e de servizo para cando remate iSEAS, en xuño de 2018. Entre os recursos que deron a coñecer atopouse o sistema iObserver, que é unha tecnoloxía que tería o cometido dun axente observador a bordo dos barcos e que foi desenvolvido a para intervir o mínimo posíbel no traballo dos mariñeiros. Ao mesmo tempo, fíxose saber que iSEAS fornece unha ferramenta de predicións exactas baseadas en modelos matemáticos que avalían a fondo as condicións espazo-temporais das áreas de captura encamiñada (a ferramenta) a achegar aos responsábeis da actividade pesqueira (armadores, patróns) diferentes claves para un mellor e máis sustentábel desenvolvemento do seu traballo. E todo en tempo real e co obxectivo principal de permitir pesca máis selectiva.
Ademais, estase a materializar un servizo piloto no porto de Marín, grazas á cooperación e implicación activas de OPROMAR, organización mariñeira con sede na vila pontevedresa, para impulsar medidas que poñan en valor os descartes que se traian a porto. Sería, pois, unha instalación “completamente operativa en terra” que se empregaría para os procesos de valorización de especies desbotadas e o seu comercio. Esta instalación, no marco do proxecto, denomínase IDPV (Punto para o Procesado Integral e a Valorización dos Descartes).
Volvendo ao sistema iObserver, un dos obxectivos do proxecto é probar a súa eficiencia e funcionamento en buques de investigación oceanográfica. Con este fin, impulsouse a instalación dun conxunto de tecnoloxías estandarizadas capaces de realizar o mesmo traballo que levan a cabo os observadores tradicionais cualificados. O sistema dispón dunha cámara de vídeo que grava os peixes capturados e calcula as especies e cantidades, cargándoos nunha base de datos que é enviada ao servidor central que está nas instalacións do CESGA.
O CESGA é socio tecnolóxico do proxecto. Ademais de configurar e manter o software do iObserver e o servidor onde se almacenan os datos do proxecto, crea o modelo de datos e servizos xeoespaciais para a consulta da información cumprindo estándares da UE, e desenvolve o xeoportal onde se integra, visualiza e consulta toda a información de capturas do proxecto, incluíndo o modelado de datos e as posíbeis valorizacións por especies.

PUBLICIDADE