iOS 7 ve a luz oficialmente

mércores, 18 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Xa rematou a espera, e dende esta tarde está dispoñible para a súa descarga a actualización do sistema operativo móbil de Apple á versión 7, de xeito que os usuarios que teñan como mínimo un iPhone 4, un iPod Touch de quinta xeración ou un iPad 2 poden actualizarse de balde e directamente dende o seu dispositivo (ou a través de iTunes) a iOS 7, o que supón principalmente un cambio na interface de uso, que fai que tanto a estética como algúns xeitos de interactuar co sistema muden.
Entre as grandes novidades de iOS 7 está un centro de control que fai máis rápido acceder a numerosos axustes do sistema (como activar o Bluetooth ou conectarse a un dispositivo con AirPlay), un centro de notificacións máis completo (accesible incluso dende a pantalla de bloqueo), a aplicación da cámara permite mudar entre os modos de disparo dun xeito máis doado, a aplicación de fotografías facilita a exploración das mesmas de distintos xeitos (por momentos, coleccións ou anos), con AirDrop facilita o intercambio de documentos entre dispositivos con iOS (dun xeito máis doado que unha complicada vinculación por Bluetooth), un navegador web renovado (con vista por fichas, listaxes de lectura...) e permite moverse entre as aplicacións que temos abertas dun xeito moi visual.
Outras prestacións dependen do dispositivo no que vaia a instalarse iOS 7, de xeito que os dispositivos compatibles gozarían de todas as características principais, pero irían perdendo outras segundo a antigüidade, de xeito que no iPad 2 non podemos disparar fotografías cadradas, os filtros na aplicación da cámara limítase ao iPhone 5 (e iPod Touch de quinta xeración), as fotografías panorámicas parten do iPhone 4S e AirDrop funcionaría só nos dispositivos lanzados no último ano.

iOS 7 supón un grande cambio estético do sistema operativo móbil de Apple

PUBLICIDADE