iBeeTel ultima a cormecialización do seu innovador sistema para a agricultura de precisión, iBeeAgro
martes, 19 de xaneiro do 2016
iBeeTel
Solutions, un dos proxectos gañadores na cuarta edición dos
Premios INCUVI-Emprende da UVigo, vén de facer balance da súa
experiencia nesta iniciativa e, tamén, da súa propia andaina como
iniciativa emprendedora e innovadora no mercado. O motivo deste
balance é a apertura da convocatoria 2016 dos galardóns. Para os
responsábeis de iBeeTel Solutions (firma emprazada no niño 28 da
Tecnópole de Ourense), a participación nos ditos premios foi ante
todo “moi positiva”, e máis tendo en conta que resultou ser un
impulso para a posta en marcha do seu plan empresarial e para a
preparación (arestora) do seu primeiro produto de mercado, un
Sistema de Supervisión e Xestión Integral Agrícola destinado a
produtores. Falamos
de iBeeAgro, unha solución para a agricultura de precisión que
ofrece aos produtores controlar, desde calquera dispositivo con
acceso a Internet, o estado actual e futuro dos seus cultivos.
Amais do devandito,
iBeeAgro permítelles realizar unha xestión integral, baseándose en
datos obxectivos recompilados da explotación en tempo real.
Lembrar que detrás de
IbeeTel atópanse Sergio Eiriz, egresado da Escola de Enxeñaría de
Telecomunicación do campus de Vigo; David Losada, da Escola Superior
de Enxeñaría Informática, do campus de Ourense, e Javier Pesado,
da Escola de Enxeñaría Industrial, tamén do campus de Vigo.
Segundo fan saber, “nos meses transcorridos desde a concesión do
galardón, acadamos o noso obxectivo tecnolóxico de desenvolver o
Sistema de Supervisión e Xestión Integral Agrícola, que permite
aos produtores optimizar a produción”. A ferramenta, engaden, está
formada por unha estación agroclimática chamada iBeeAgro Station,
un dispositivo electrónico deseñado, desenvolvido e fabricado por
eles que mide de maneira automática diferentes parámetros
climáticos de planta e de solo e que envía os datos a unha
plataforma software de supervisión na nube chamada iBeeAgro Tool.
Esta plataforma, din, “constitúe a segunda das partes da
ferramenta e permite aos produtores agrícolas tarefas como
supervisar o estado actual do seu cultivo, coñecer os riscos de
padecer enfermidades ou obter predicións meteorolóxicas locais,
realizando unha xestión integral da súa explotación, con
funcionalidades como o caderno de campo”.
Na actualidade, sinalan
os emprendedores da Universidade de Vigo, “estamos pendentes da
certificación CE das estacións agroclimáticas, paso previo
necesario para a súa comercialización como parte do Sistema de
Supervisión e Xestión Integral Agrícola, iBeeAgro”. E engaden:
“A nosa visión é a de chegarmos a ser referentes no
desenvolvemento de solucións de seguimento e control orientadas á
sustentabilidade, eficiencia e calidade, para todos os sectores e,
especialmente para o sector agrícola”. Con este obxectivo, achegan
servizos de enxeñaría hardware (especificacións, deseño,
desenvolvemento, prototipado, probas, fabricación externalizada e
mantemento de dispositivos electrónicos sen fíos orientados a
solucións de seguimento e control remoto), e de enxeñaría software
(análise, deseño, desenvolvemento, probas, produción e mantemento
de plataformas cloud para monitorización e control remoto e
plataformas cloud ERP).