iBanesto e Google presentan o concurso de creación de vídeos en YouTube de Europa

venres, 26 de setembro do 2008 Raquel Noya

Se ben é certo que a fame agudiza o enxeño, a crise da que tanto se fala arestora (e que serve como escusa para que moitos empresarios fagan todo tipo de artimañas para captar novos clientes potenciais) está a converterse nun intre óptimo para dar renda solta ao maxín e facer todo tipo de accións de promoción cargadas de orixinalidade para dar a coñecer os servizos de cada entidade.
Os últimos en dar a coñecer a súa capacidade de adaptación aos novos tempos facendo actividades de promoción ligadas ás novas tecnoloxías foron as firmas iBanesto e Google, que veñen de lanzar o primeiro concurso de creación de vídeos en YouTube en Europa.
Trátase dunha iniciativa pioneira que consiste en subir as creacións dos usuarios a unha canle propia no popular sitio de descargas de vídeo na Rede e na que se premiarán as máis orixinais.
Os vídeos participantes deberán versar sobre dúas temáticas diferentes: Cal é o mellor xeito de aforrar na túa vida cotiá e Por qué o azul é mellor e sempre che da máis, está última ligada indubidablemente á campaña publicitaria de Banesto.
O concurso, que se coñece como Low Cost Film, está aberto á participación de tódalas persoas que o desexen e contará coa colaboración do director de cine Fernando Colomo, que participará como xurado xunto con recoñecidos creativos publicitarios.
O concurso comeza o vindeiro día 26 de setembro e poderán subirse os vídeos ata o 26 de novembro; durante este período, todo o público poderá realizar votacións aos vídeos máis orixinais para que o xurado escolla ás 3 mellores unha vez pechado o concurso.
A contía dos premios será de 5.000, 2.500 e 1.000 euros para o primeiro, segundo e terceiro respectivamente.
No microsite de iBanesto xa se poden ver algúns exemplos.

PUBLICIDADE