eBay pide aos seus 145 millóns de usuarios que muden os seus contrasinais tras padecer un ataque

mércores, 21 de maio do 2014 Marcus Fernández

eBay está a avisar hoxe dun importante ataque informático que comprometeu as súas bases de datos de usuarios na que figuran os seus contrasinais cifrados e outros datos non financeiros, e aínda que non se detectou ningunha actividade sospeitosa que puidera ter tirado proveito da información subtraída, dende eBay instan aos seus usuarios a mudar os seus contrasinais para manter as súas contas máis seguras, aínda que insisten en que a información sobre tarxetas bancarias están almacenada de xeito separado, polo que non correría perigo.
Dende eBay descúlpanse polas molestias ocasionadas por o reinicio de contrasinais, que no momento destas liñas está a provocar que incluso sexa imposible acceder ás contas de usuario de eBay por parte de moitos usuarios debido á saturación provocada polo cambio masivo de contrasinais, pero o compromiso de eBay pola seguridade dos seus sistemas é prioritario, e están a tomar medidas para evitar que se repitan ataques semellantes, á vez que están a realizar un estudo forense para investigar con profundidade o acontecido, á vez que colaboran coas autoridades para perseguir esta incursión ilegal nos seus sistemas.
A base de datos comprometido entre finais de febreiro e primeiros de marzo incluiría os nomes de usuarios de eBay, os seus contrasinais cifrados, os enderezos de correo electrónico, o enderezo físico, o número de teléfono e a data de nacemento, datos que, aínda que por si mesmos non deberían ser perigosos, si poden provocar problemas para os usuarios, xa que facilitarán a suplantación das súas identidades na Internet ou o roubo de contas noutros sistemas, de aí que sexan tan preocupantes este tipo de ataques, que desta volta sorprenden por ter afectado a un servizo tan seguro como eBay.

O reinicio masivo de contrasinais está a provocar problemas de acceso a eBay

PUBLICIDADE