Intro para todo consegue un prototipo de escritorio adaptado ás necesidades das persoas con discapacidade intelectual

luns, 28 de decembro do 2015 Redacción

O prototipo nacido do hackatón xa está en fase de testeo

O I Hackatón Solidario Intro para todos, organizado pola AMTEGA, o Concello de Padrón e a Asociación de Pais e Nais con Discapacidade Intelectual da Comarca do Sar (AMIPA), que reuniu o pasado mes de novembro na aula CeMIT local a unha vintena de programadores, deseñadores, e emprendedores, conseguiu o seu obxectivo: deseñar unha solución que mellore a usabilidade e accesibilidade dos ordenadores da aula CeMIT local coas achegas da cidadanía.
Trátase dunha solución, baseada en software libre, que permite instalar nos ordenadores da aula un sistema de autenticación alternativo, adaptado a colectivos especiais, con ou sen competencias en lectoescritura, e un perfil de escritorio accesible, que recolla en pictogramas as principais ferramentas e aplicacións utilizadas polas persoas con discapacidade intelectual. Esta solución foi validada pola AMIPA e agora instalarase nos equipos da ula CeMIT de Padrón.
O Hacaktón Intro para todos é dunha iniciativa piloto enmarcada no proxecto CeMIT-Innova, promovido pola AMTEGA, en colaboración con Fundetec, para que a innovación social dixital poida dar resposta aos desafíos sociais locais, servíndose das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e de modelos de colaboración en rede.

PUBLICIDADE