Zuckerberg recoñece que están a traballar nunha alternativa ao Gústame en Facebook

martes, 15 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Dende os inicios de Facebook había unha demanda dos usuarios que se vía constantemente desatendida: a presenza dun botón de Non me gusta, pois a plataforma social de Mark Zuckerberg non quería que a xente votase positivamente ou negativamente as distintas entradas doutros usuarios, xa que non é o ambiente que querían promover, estratexia que ten demostrado ser bastante boa, pero hoxe, durante unha sesión de preguntas e respostas con Mark Zuckerberg, o fundador de Facebook recoñeceu por primeira vez que estaban a traballar en ampliar os sentimentos que os usuarios poden expresar, para que, por exemplo, para que cando alguén publique unha mala nova (como o pasamento dun ser querido) os seus amigos non digan que gustan do sucedido, senón que poidan ter un botón para amosar o seu pesar.
Zuckerberg non deu detalles, pero admitiu que o reto é complicado de afrontar, e están a traballar en distintos xeitos de abordalo, polo que posiblemente esteamos ante unha funcionalidade que vaia máis aló dun botón de Non me gusta ou, cando menos, non parece probable que as entradas vaian amosar simultaneamente os botóns de Gústame e Non me gusta, senón que podería tratarse nunha solución na que distintos tipos de publicacións puidesen ter distintos tipos de reaccións. Facebook buscará así canalizar mellor a empatía dos seus usuarios, polo que nos vindeiros meses veremos a onde leva este novo camiño que podería levarnos á existencia dun botón de Non me gusta.

PUBLICIDADE