Zuckerberg quere integrar a mensaxería de Facebook, Instagram e WhatsApp

venres, 25 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Nas páxinas do The New York Times recollen unha información bastante preocupante sobre as intencións de Mark Zuckerberg de integrar os distintos servizos de mensaxería da súa compañía (WhatsApp, Instagram e Facebook Messenger), ou sexa, que aínda que as tres aplicacións continuarían a operar por separado, a súa infraestrutura técnica estaría unificada, de xeito que unha única plataforma de comunicación contaría con máis de 2.600 millóns de usuarios, facilitando o envío de mensaxes entre plataformas.
Estamos ante unha posibilidade que claramente preocupará aos organismos anti-monopolio, á vez que tamén sería todo un reto de cara á seguridade e á privacidade dos usuarios, e que non podería ser realidade até probablemente o ano que vén, xa que require profundos cambios nas tres plataformas (lembremos que Instagram e Messenger almacenan as mensaxes nos servidores de Facebook, mentres que WhatsApp non garda copias das mensaxes fóra do smartphone do usuario).
Polo momento Zuckerberg estaría a ordenar que todas as aplicacións integren cifrado de extremo a extremo, ou sexa, que a mensaxería nas tres plataformas teñan niveis de seguridade equiparables, de xeito que sexan cada vez máis semellantes, e a intercomunicación entre as mesmas non suporía unha perda de seguridade.
Este movemento da compañía respondería en boa medida á perda de pulo de Facebook, mentres que Instagram e WhatsApp non cesan de medrar e, de feito, actualmente WhatsApp é xa a ferramenta social máis usada do mundo, de xeito que en Occidente practicamente o único país no que non sería un referente sería os EE.UU.
En calquera caso, as intencións de Zuckerberg poderían verse frustradas polos reguladores, pois non podemos esquecer que a nivel europeo hai xa limitacións para a integración entre Facebook e WhatsApp, e se metemos na ecuación a Instagram a cousa complicaríase aínda máis, e o cruzamento de datos entre todas estas plataformas podería chegar a ser ilegal se non se realiza con certas garantías (como permitir que os usuarios estean debidamente informados e poidan escoller se queren ou non integrar as súas diferentes contas).

PUBLICIDADE