Zona Franca e AJE Vigo forman a pemes e autónomos en manexo de tecnoloxías e en técnicas de desconexión

xoves, 6 de maio do 2021 S. P.

A Zona Franca de Vigo e AJE Vigo presentaron esta semana un ambicioso programa de formación que, segundo indicaron, marca un antes e un despois na capacitación e transformación das nosas pemes e persoas autónomas. Trátase do programa Dixitalización On-Off, que pretende ofrecerlles ferramentas “imprescindíbeis no mundo dixital pero tamén para que aprendan a desconectar”.
O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, dixo na presentación que “nunha época onde as ferramentas dixitais son tan relevantes, este é un programa necesario para incorporar esas técnicas para que as persoas poidan atopar o equilibrio entre o dixital e elas mesmas”. E engadiu, respecto dos porqués deste programa, que busca un punto de equilibrio entre o tecnolóxico e o humano: “Detrás da dixitalización de pemes e autónomos hai persoas que necesitan o seu espazo”. Explicou ademais que se trata “dunha formación moi práctica e de utilidade, que poderán aplicar de contado ao rematar cada clase”.
O programa está pensado por e para pemes e autónomos e que necesitan incorporar ferramentas dixitais que lles permitan ser máis competitivas e eficientes na xestión dos seus recursos ao mesmo tempo que lles ofrecen unha marxe segura para seguir mantendo a súa actividade tradicional.
A formación dura cinco semanas e cada sete días terá unha sesión on e outra off. Así, a primeira semana na sesión on abordarase o manexo de Whatsapp e mercadotecnia para pemes e autónomos e na sesión off o control postural.
A segunda semana abordaranse os microinfluencers na sesión on e na off a alimentación na contorna laboral.
Na terceira semana tratarase sobre ferramentas de cobro en liña e mindfulness; na cuarta sobre Google My Business e xestión do tempo e finalmente sobre ciberseguridade.
Contarase coa presenza de formadores especialistas como Alberto Falcón, Oscar Cumí, Jose Alcañiz, Roberto González de SUP Galicia, Álvaro Muzas, Nicolás Piedrafita, Victoria Ambrós e Cintia Salido
O programa empeza a próxima semana, o 11 de maio, e é gratuíto para asociados de AJE Vigo e participantes de ViaGalicia e viveiros de Zona Franca de Vigo.

PUBLICIDADE