Zegona mercará Vodafone España

martes, 31 de outubro do 2023 Marcus Fernández

O diario Expansión publica que a xestora británica Zegona está a ultimar a compra de Vodafone España por 5.100 millóns de euros, operación na que a propia Vodafone concede a Zegona un préstamo de 900 millóns de euros, aos que habería que sumar créditos concedidos por Deutsche Bank, ING e UniCredit.
O diario económico asegura que os últimos detalles da operación estiveron negociándose a pasada fin de semana, e a propia Zegona xa comunicou a Bolsa de Londres o peche dun acordo vinculante de compra de Vodafone España que permitirá que como mínimo a compañía poida manter a súa marca no noso territorio até 10 anos despois do peche da operación.
Zegona destaca o atractivo estratéxico de Vodafone España por ocupar a terceira posición no mercado, ter uns ingresos significativos (uns 3.900 millóns de euros ao ano), contar cunha rede fixa que chega a máis de 10,7 millóns de fogares até os que achega conexións de 1 Gbps e ter unha rede móbil forte en 4G e 5G.

PUBLICIDADE