Zas inaugura a súa rede WiMAX

xoves, 12 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

Esta tarde celebrouse no centro sociocultural de Zas a presentación oficial da rede de conexión á Internet WiMAX estreada o pasado mércores e que dará acceso á Internet de alta velocidade sen fíos a veciños da vila, comezando polas parroquias de Meanos e Gándara (nos seus respectivos centros sociais, onde o accesos é de balde, aínda que tamén existirá unha opción de pago dende o fogar dos interesados).
No acto de presentación desta primeira rede WiMAX da Costa da Morte participaron o delegado da Consellaría de Innovación e Industria, o vicepresidente da Deputación de A Coruña, Pablo Villamar e o alcalde Manuel Muíño.
Esta nova rede de comunicacións contou cun orzamento de 189.619 euros (achegados por Industria e a Deputación) e non é a única iniciativa tecnolóxica a destacar en Zas, onde poden presumir da web Zasdixital.eu, desenvolvida por Abertal, e que permite que os veciños poidan facer uso dos seus servizos, que van dende facer un comentario ao alcalde ata consultar o PXOM.

PUBLICIDADE