Zan Hoffman visitará a nosa terra para falar da súa experiencia artística na Rede

martes, 18 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

Zan Hoffman, artista da vangarda especialmente senlleiro no emprego das tecnoloxías e as redes de participación colectiva aplicadas á música e ao audiovisual, visitará en breve Galiza para dar a coñecer proxectos a moitas mans como Masters of the Ungentlemanly Art, iniciativa musical que fundamenta o seu desenvolvemento e máis o resultado final na multiplicación das persoas que nela participan. O proxecto, que ten o seu xermolo a mediados dos oitenta na Universidade de Drake (onde Hoffman traballou), está a atopar na Rede (e máis concretamente en servizos como MySpace) unha sorte de altofalante-palestra que incrementa en boa medida as posibilidades xa por si interesantes -e sempre imprevisibles- da participación e interacción.
A iniciativa, que se vai presentar o día xoves 20 en A Cova dos Ratos de Vigo (ás 21 horas) e o 21 na Casa das Atochas da Coruña (a partir das 20.30), está concibida como unha gran orquestra colectiva en constante proceso de medre logo de 24 anos de intercambios e traballo de tipo conxunto.
Segundo nos contan dende Caleidoskopio e Alg-a.org, na Internet hai arestora interesantes recursos informativos sobre o itinerario artístico de Hoffman:
· www.myspace.com/zanhoffmanlive
· http://www.myspace.com/mastersoftheungentlemanlyart
· http://zmotua.blogspot.com/
· http://zhspain.blogspot.com/

PUBLICIDADE