YouTube toma medidas contra os bloqueadores de publicidade

luns, 16 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Dende hai anos YouTube ofrece un servizo de subscrición de pagamento que ofrece a posibilidade de gozar dos seus contidos sen anuncios, fóra de liña e en segundo plano, así como do servizo YouTube Music por 11,99 euros/mes, pero moitos usuarios en vez de pagar optaban por empregar bloqueadores de publicidade no ordenador e aplicacións modificadas no móbil, e semella que a Google rematóuselle a paciencia, e nos últimos días son moitos os usuarios que están a ver como o reprodutor de YouTube deixaba de funcionar no seu equipo por terse detectado que bloqueaban a publicidade da plataforma.
Na propia axuda de YouTube teñen unha sección na que informan sobre como configurar o bloqueador de publicidade para que se desactive ao acceder a YouTube e así permitir que a plataforma e os seus creadores poidan recibir unha compensación económica pola súa actividade.
Nos últimos días non só se realizan de xeito efectivo as medidas contra os bloqueadores de anuncios, senón que incluso se publican mensaxes emerxentes advertindo desta política. Aínda que estas medidas xa se aplican dende xuño, nos últimos días a aplicación das mesmas pasou a ser masiva. Cómpre destacar que o bloqueo da reprodución de vídeos de YouTube só ten lugar despois de numerosas advertencias.

PUBLICIDADE