YouTube terá soporte nativo de vídeo de 360 graos

luns, 5 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

A cámara de 360 graos de Giroptic que o pasado verán arrasou en Kickstarter pola súa promesa de permitir gravar vídeo envolvente Full HD dun xeito doado, está presente estes días no CES de Las Vegas, onde a compañía francesa fixo un anuncio moi importante: YouTube dará soporte nativo á súa 360cam, así como Google tamén dará soporte a esta cámara para Street View.
Até o momento son moitas as cámaras de 360 graos que queren imporse, pero fan uso de software propietario para a visualización dos seus contidos, o que podería ser cousa do pasado se Google comeza a facilitar a distribución de contido en 360 graos de xeito que poderemos gozar do mesmo en calquera navegador web.
A cámara xa pode encargarse a través da súa páxina web, e prevese a súa comercialización masiva este mesmo trimestre.

A 360cam conta cunha completa gama de accesorios

PUBLICIDADE