YouTube téndelle unha man ós candidatos á presidencia de EE UU, que xa preparan facer campaña en liña

xoves, 1 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Na listaxe dos pesadelos máis recorrentes dos políticos, é moi probable que YouTube (o servizo de vídeos de balde en liña) figure nun posto salientable, sobre todo en Estados Unidos, onde os seus cidadáns empregan a eito a dita ferramenta para compartir do resto do mundo os desvaríos dos seus personaxes públicos. YouTube é para estes coma un arrepiante gran tecido de cámaras indiscretas que mesmo lles obriga a supervisar a fondo o seu arredor antes de ceibar comentarios xenófobos ou machistas perante as súas amizades. Sexa como sexa, os responsables da web semella que veñen de tender unha man conciliadora ós membros da clase política daquel país. Puidémolo saber estes días: YouTube habilitará canles exclusivos en YouChoose para que os candidatos políticos penduren os seus propios vídeos, con vistas ás eleccións nas que se vexan directamente implicados.
Segundo informa o xornal The Chicago Tribune, xa se rexistrou unha listaxe importante de políticos que buliron a pórse á beiriña da devandita iniciativa, entre os que podemos atopar a candidatos presidenciais como os republicanos Rudy Giuliani, John McCain e Mitt Romney e a demócratas como Hillary Rodham Clinton, John Edwards, Barack Obama e Bill Richardson. Para Jordan Hoffner, director de YouTube, a iniciativa vai encamiñada a estreitar a comunicación entre os candidatos e os cidadáns e a amosar que as ferramentas de Internet non só serven para desprestixiar ós primeiros e deixalos e evidencia (por moito que, en realidade, non requiran axuda para conseguilo). Así, a arela de YouTube é dirixirse cara un uso máis participativo da Web ou, se se quere, como unha ferramenta que propicie a chegada dunha democracia máis verdadeira.
Cómpre lembrar que os usuarios deste servizo de vídeos en liña xa teñen posto contra as cordas a máis dun representante público. Por exemplo: George Allen, de Virginia, non semella erguer cabeza logo de que se pendurase un vídeo no que facía un comentario racista.

PUBLICIDADE