YouTube repasa o ano 2014 nun divertido vídeo

martes, 9 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Un ano máis YouTube estrea un vídeo musical no que celebra o máis salientable do último ano, o YouTube Rewind 2014, no que podemos ver como se mesturan os temas musicais de máis éxito (como o Happy de Pharrell Williams ou o Let It Go da película Frozen) con vídeos que acadaron grande viralidade en YouTube (como o can araña de Polonia, a reacción ante unha moza que pasea polas rúas de New York mentres a acosan numerosos homes, estraños compartindo o seu primeiro bico ou incluso as numerosas achegas ao Ice Bucket Challenge).

No vídeo non esquecen o fenómenos dos selfies

Dende YouTube tamén aproveitaron a ocasión para destacar os que foron os 10 vídeos que foron tendencia en 2014, ou sexa, os que conseguiron unha maior interacción do público, entre os que podemos destacar en quinta posición á proba de dobrado do iPhone 6 Plus, que tanto deu a falar no sector tecnolóxico, e que acumulou preto de 60 millóns de reproducións e máis de 211 mil gústame.
A nivel musical, en YouTube tivemos un ano no que Katy Perry, Enrique Iglesias e Shakira forno os grandes trunfadores, resultando bastante rechamante que 3 dos 4 primeiros postos nas tendencias correspondan a artistas latinos.
Cando nos metemos a analizar as tendencias por países, algo tamén destacable é que en España o vídeo máis destacado corresponde a unha recompilación de episodios de Pocoyó que acumula preto de 27 millóns de reproducións, o que pode resultar bastante rechamante se consideramos que os capítulos recollidos serían do ano 2005 (emitíndose en España un ano despois).


Resumo en vídeo do ano 2014

PUBLICIDADE