YouTube publica a súa retrospectiva de 2013

mércores, 11 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Cando se achega a fin do ano é habitual facer un repaso do ano, e adiantándose unha semana ao Zeitgeist anual de Google, chega a retrospectiva de YouTube, o Rewind 2013, no que dan conta dos vídeos máis populares do ano, destacando o feito de que o 80% das reproducións totais chegaron de fóra de EE.UU., de xeito que cada vez é máis global este tipo de relacións de éxitos multimedia, que xa non se centran tanto en éxitos locais norteamericanos.
Durante o presente ano o vídeo de The Fox reproduciuse máis de 275 millóns de veces, converténdose no vídeo que marcou tendencia a nivel global; YouTube tamén propiciou que o coreano PSY seguise en primeira plana tras o Gangnam Style co seu novo Gentleman; e o Harlem Shake converteuse nun fenómeno no que participaron máis de 1,7 millóns de persoas.
Recollendo todos estes éxitos, dende YouTube fixeron un divertido vídeo musical, que mestura estes temas tomando como base ao raposo de Ylvis, de xeito que o tema deste ano titúlase What Does 2013 Say?. Aínda que estamos nunha creación pensada nos éxitos globais en YouTube, sendo posible explorar os éxitos de España a través dunha recompilación que podemos consultar vía web. No noso territorio temos que, en vez de sucumbir ante The Fox, foi o Mi Reina de Henry Méndez o tema que marcou tendencia, como a súa revisión de El Tiburón, que foron do máis destacado xunto coa Señorita de Abraham Mateo ou o Mal de Amores de Juan Magán; temas que localmente conseguiron despuntar máis que o Gentleman de PSY ou o Wrecking Ball de Miley Cyrus.


Vídeo co que YouTube pretende facer un resumo de 2013

PUBLICIDADE