YouTube proba unha nova plataforma de emisión de vídeo en directo

luns, 13 de setembro do 2010 Marcus Fernández

Despois de anos de probas e moitas especulacións, YouTube lanzou unha plataforma de emisións en directo: Live. De momento só catro compañías poden usar o servizo, en probas, que se irá ampliando.
Next New Networks, Howcast, Young Hollywood, e Rocketboom serán as primeiras compañías que emitirán en YouTube Live. Google, propietaria do portal de intercambio de vídeos, creou un widget que pode inserirse en calquera páxina web para informar dos horarios da programación, porén trátase dunha alfa que arrancou o luns 13 de setembro e que durará só un par de días. Con estas emisións YouTube ponse a proba a si mesma, xa que nas probas anteriores de emisións en directo subcontratou o servizo e agora asúmeo integramente.
Unha vez que Google dea por concluídas as probas do servizo, a compañía abrirá o servizo aínda que non a todos os usuarios como acontece co intercambio de vídeos. As emisións en directo será un tipo de opción á que poderán acceder só os partners de YouTube debido ao custo que supón a tecnoloxía. O servizo chega dous anos despois dun concerto que se converteu na primeira emisión en directo de YouTube. Un ano despois, en 2009, as probas continuaron coa retransmisión en directo dos debates presidencias e un concerto de U2.


O widget de YouTube Live

PUBLICIDADE