YouTube permitirá agradecer vídeos economicamente

mércores, 21 de xullo do 2021 Marcus Fernández

As plataformas de publicación de contidos queren reter o talento ofrecendo cada vez máis xeitos de que os creadores poidan monetizar a súa actividade, e nesta liña YouTube está a incorporar as Super Thanks (o Super Grazas), que chega para sumarse ao Super Chat e aos Super Stickers, e permite que os seareiros dunha canle poidan expresar a súa gratitude con este novo elemento que custará entre 2 e 50 dólares (ou o seu equivalente en euros) e que presentarase como unha imaxe GIF animada e un comentario nunha cor destacada (en función da cantidade económica achegada) que poderá recibir resposta do creador da canle.
Podemos entender que estamos ante un método de achegar máis aos seareiros cos creadores, xa que esta nova funcionalidade non se limite ás retransmisións en directo, senón que poderá empregase en calquera vídeo. Esta opción está aínda en probas e espallándose paulatinamente, de xeito que antes do remate do ano poderán contar con ela todos os creadores no programa de Partners de YouTube.

PUBLICIDADE