YouTube permite ver integramente os novos episodios de Dexter e Californication

martes, 29 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Reproducindo os episodios das series de Showtime dende España a través do tradutor de Google

Hai poucas horas a xente de YouTube anunciou en Twitter que os primeiros episodios das novas tempadas das series Dexter e Californication poderán verse en YouTube ata o vindeiro 12 de outubro, aínda que só nos EE.UU., o que podería supor o comezo da emisión de series de televisión actuais en YouTube coma tamén fai Hulu, entrando así o portal de vídeo de Google na loita por controlar a distribución de contidos de ficción na web.
Poder asistir á estrea destas dúas series de Showtime a través da web é unha boa nova, e aínda que só sexa temporalmente, xa deron cun fallo de seguridade que permite acceder a estes contidos dende fóra dos EE.UU., dun xeito tan sinxelo coma cargar as páxinas de YouTube a través do tradutor automático de Google.
Polo momento non sabemos se YouTube continuará a ofrecer os episodios de Dexter e Californication semanalmente, pois esta estratexia podería empregarse unicamente para dar a coñecer estas series a unha ampla audiencia que no futuro poida subscribirse á canle na que se emiten nos EE.UU. (en España poden seguirse en aberto a través de Cuatro).

PUBLICIDADE