YouTube para iOS proba o Picture-in-Picture

mércores, 25 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Dende hai tempo iOS permite que as aplicacións de vídeo pensadas para a reprodución a pantalla completa poidan correr os seus vídeos nun recadro emerxente que poida colocarse nas esquinas da pantalla para poder continuar a gozar da reprodución mentres se emprega outra aplicación, o que foi asumido masivamente polas principais aplicacións de vídeo cunha notable excepción: YouTube.
Dende YouTube consideraron que a reprodución da aplicación de vídeo nunha fiestra emerxente era unha función demasiado atractiva como para ofrecela masivamente, polo que restrinxírona e agora está de volta con función experimental que os usuarios Premium poden activar no apartado de proba de novas funcións experimentais do servizo de vídeo.
Esta prestación, coñecida como pantalla superposta en iOS, facilita poidamos continuar a ver un vídeo nunha fiestra reducida cando saímos da aplicación de YouTube, sendo posible mudar a posición e o tamaño destas fiestra para colocala do xeito que interrompa o menos posible o traballo con outras aplicacións.
Cómpre sinalar que dende o navegador web a función está dispoñible sen ter que activala de xeito especial nin contar cunha conta de usuario Premium. O modo Picture-in-Picture tamén permite mover a fiestra emerxente cara a un lateral, o que permite ocultar totalmente o vídeo e manter a reprodución sonora, o que resulta práctico para facer seguimentos de retransmisións en directo que non precisen da nosa atención visual ou incluso para escoitar música mentres empregamos diferentes aplicacións.

PUBLICIDADE