YouTube para Android estrea modo de incógnito

martes, 10 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Os navegadores web levan ten incorporando un modo privado que permite explorar a web sen estar identificado como no uso habitual da aplicación, á vez que tampouco deixa rexistro da actividade no historial do navegador, e agora esta prestación chega tamén á aplicación de YouTube para Android a través do novo modo de incógnito.
A principal utilidade da activación do modo de incógnito é que os vídeos que reproduzamos non quedarán rexistrados na nosa conta de usuario, aínda que realmente non se trata dun modo privado (a actividade do dispositivo continúa a poder rastrexarse, xa que non está cifrada), pero pode resultar moi práctico para cando queremos efectuar reproducións que se afastan do noso uso habitual ou cando emprestamos o noso móbil a outro usuario, de xeito que así esta actividade extraordinaria non repercutirá no xeito no que YouTube se adaptará a nós no futuro. O modo de incógnito tamén oculta as nosas subscricións, a nosa biblioteca de vídeos e as nosas notificacións, ou sexa, que sería como empregar YouTube sen empregar a nosa conta de usuario, pero sen a molestia de ter que volver a introducir o noso nome de usuario e contrasinal ao querer retomar a actividade habitual.

PUBLICIDADE