YouTube obrigará a identificar o contido creado mediante IA

martes, 14 de novembro do 2023 Marcus Fernández

Aínda que legalmente aínda non se sabe o que acontecerá cos contidos xerados mediante intelixencia artificial, especialmente no que se refire ao copyright, hai actores que prefiren adiantarse aos regulamentos e moven ficha. Temos así que YouTube anunciou hoxe novas medidas para manter un achegamento responsable á innovación da IA.
Xa vén de longo a prohibición da publicación en YouTube de contido manipulado que poida levar aos usuarios a engano, entenden que agora poidan xurdir casos nos que o contido sintético ou alterado dixitalmente poida dar lugar a novas narrativas, polo que van crear unha etiqueta que servirá para destacar cando un contido sexa deste tipo.
Pero a nova etiqueta non será opcional, senón que será unha obriga para os creadores de contido, especialmente en temas sensibles (comicios electorais, saúde pública...) e non especificar que un contido estea manipulado ou fose creado dixitalmente suporá medidas como a súa eliminación, a suspensión do programa de partners de YouTube e outras penalizacións.
Os vídeos creados ou manipulados mediante IA contarán así cunha etiqueta destacada, para que os usuarios vexan claramente que non están ante un vídeo real, aínda que cómpre salientar que no caso de que un contido infrinxa as normas da plataformas por, por exemplo, amosar violencia realista, seguirá a estar prohibido pese a que deixe claro que non é real, para protexer aos espectadores deste tipo de contido.

Suplantación e imitación mediante IA

Cando se empregue a tecnoloxía para suplantar unha cara ou unha voz, as medidas adoptadas serán diversas: por unha banda, os usuarios poden solicitar a retirada de contidos nos que se suplante a súa identidade (aínda que haberá casos nos que o borrado non se realizaría por, por exemplo, considerarse unha parodia), e por outra, os socios musicais de YouTube poderán solicitar a retirada de contido musical que imite aos artistas que representan (tamén con excepcións, xa que haberá casos lícitos, como en vídeos nos que se estea a analizar este fenómeno).

Outros usos da IA

YouTube asegura estar a empregar a intelixencia artificial para a moderación de contido, xa que a aprendizaxe automática axuda a detección de condutas tóxicas, así como tamén pode servir para detectar contidos realmente desagradables e mesmo evitar a exposición dos moderadores humanos aos eles (mitigando así un importante problema que afecta á saúde mental dos traballadores).
Dende YouTube manteñen o seu compromiso de seguir a crear ferramentas de IA para os creadores, pero sempre dende a responsabilidade, de aí que toda esta evolución estea a facerse con cautela, conscientes de que a IA xenerativa terá un impacto moi grande en moitos sectores durante os vindeiros anos.

PUBLICIDADE