YouTube integra editor de vídeo

mércores, 14 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Ata o momento, subir vídeos a YouTube era un camiño sen retorno, de xeito que de querer modificar os contidos para cortar un anaco dun clip ou aplicar un efecto precisaba dun reprocesado dos vídeos e volver a subilos á web como unha peza nova, pero agora os responsables do servizo anuncian que veñen de integrar no seu sistema un editor de vídeo que permite manter os identificadores dos clips, de xeito que, aínda que se modifiquen, conservarán o seu número de visitas, os comentarios, os códigos de inserción noutras páxinas web... ou sexa, que poderá modificarse un contido sen ter que volver a subilo, o que resulta tan cómodo como útil.
O editor integrado permite estabilizar unha imaxe movida, rotar un vídeo, mellorar o contraste e as cores, aplicar afectos (achegados por Picnik)... todo podendo sempre reverter os cambios ao clip orixinal. Tamén é posible gardar as edicións como novos vídeos (algo que é obrigado no caso de ter un volume de reproducións importante).
Para facernos unha idea desta nova prestación de YouTube podemos ver o seguinte vídeo explicativo:

PUBLICIDADE