YouTube estrea versións do seu servizo para os chineses

venres, 19 de outubro do 2007 Marcus Fernández

Google estreou versións chinesas de YouTube, destinadas especialmente a Taiwán e Hong Kong, aínda que a súa estrea parece enfrontarse a certos atrancos, xa que dende varias webs alertan de que o servizo de vídeos está bloqueado para a meirande parte dos chineses, o que podería estar influenciado pola celebración esta semana do XVII Congreso do Partido Comunista Chinés.
De tódolos xeitos, o público obxectivo das novas versións de YouTube si poden acceder ós seus contidos, dado que tanto en Hong Kong coma en Taiwán non se empregan as mesmas normas gobernamentais de control de medios que no resto do país.
O bloqueo de YouTube podería non responder a unha censura política, senón que podería ser unha medida proteccionista, para permitir a servizos locais coma Tudou manter as súas posicións nun mercado de 170 millóns de internautas.

PUBLICIDADE