YouTube estrea unha solución de publicidade interactiva

mércores, 22 de agosto do 2007 Marcus Fernández

Un dos primeiros exemplos de publicidade sobreimpresa se veu sobre un clip de Ford Models

O servizo de vídeos de Google leva varios meses probando distintos formatos publicitarios e parece que xa deron co axeitado para a súa plataforma, YouTube InVideo, consistente en anuncios sobreimpresos na parte inferior dos vídeos sobre os que se pode picar para acceder á páxina web promocionada ou a un anuncio en formato vídeo.
Esta nova solución está xa en fase de beta privada para algúns anunciantes, e xa se puido ver en algúns vídeos, e podería supor unha boa fonte de ingresos para o deficitario servizo de publicación de clips, e mesmo se fala de que poderían ter un CPM de 20 dólares (o que suporía unhas achegas millonarias para Google).
A publicidade interactiva nos vídeos de YouTube podería revolucionar o sector, xa que seguiría unha dirección oposta a algúns competidores que apostan por amosar pequenos vídeos antes dos contidos (prerolls) que o usuario quere ver (práctica bastante molesta para o público) e podería marcar unha tendencia que podería arrastrar ó mercado publicitario nos vídeos.

PUBLICIDADE