YouTube estrea interface optimizada para televisores

mércores, 3 de xuño do 2009 Marcus Fernández

En xaneiro YouTube estreou unha interface do seu portal web de vídeos optimizada para a súa presentación a través das consolas de videoxogos PlayStation 3 e Wii, e avanzando nesa mesma dirección transformaron esa versión da web en accesible tamén dende ordenadores (pensando en boa medida nos equipos conectados a televisores) e que se coñecerá coma YouTube XL.
Este novo molde de YouTube permite así que poidamos navegar polos vídeos do servizo de Google dende certa distancia do televisor, para o que os textos e os botóns son de grande tamaño (de aí o XL do seu nome) e a interface presenta unha aparencia minimalista na que podemos efectuar buscas ou explorar unha relación de vídeos destacados. Para facer máis pasiva a experiencia de reprodución, tamén é posible lanzar os vídeos dun tema determinado de xeito secuencial (sen intervención humana para saltar ao vídeo seguinte cando remate o actual).
O control desta interface aínda pode mellorarse co uso dalgúns mandos a distancia Bluetooth e de certos móbiles intelixentes que poden operar coma mandos a distancia multimedia (o que, por exemplo, é posible facer dende terminais con Android facendo uso da aplicación Gmote).

Kuan Yong, director de produto de YouTube para distintas plataformas, facendo unha presentación de YouTube XL

PUBLICIDADE