YouTube estrea canles de pagamento

xoves, 9 de maio do 2013 Marcus Fernández

YouTube está a ampliar o seu programa de partners e agora, en vez de limitarse a darlle flexibilidade á hora de deseñar as súas canles de vídeo e permitirlles ser partícipes dos beneficios acadados a través do servizo de vídeo de Google, inician hoxe un programa piloto cun reducido grupos de socios aos que se lle permite facer de pagamento as súas canles en YouTube mediante cotas de subscrición que parten de 0,99 dólares/mes e que actualmente conta coa posibilidade de probarse durante 14 días. Os subscritores poderán ver os contidos no ordenador, no tablet, no móbil e no televisor, o que supón unha interesante solución tanto para espectadores como para as propias canles de televisión de pagamento, que atopan en YouTube unha plataforma de distribución moi completa.
O novo servizo preséntase cunha grande diversidade de prezos entre as distintas canles, sendo tamén sensible á discriminación xeográfica (entendemos que para respectar acordos internacionais de distribución). Ata o momento temos dispoñibles 53 canles de pagamento (das que 29 están dispoñibles dende España) e agardan ampliar este catálogo nas vindeiras semanas, ofrecendo aos creadores de contidos un novo xeito de fornecer as súas comunidades de seareiros e facer rendibles os seus produtos audiovisuais.

PUBLICIDADE