YouTube elimina a monetización para canles cativas

mércores, 17 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

A polémica ao redor do vídeo de Logan Paul no que se amosaba a un suicida parece ser o detonante (ou e escusa) para un drástico cambio das condicións do YouTube Partner Program, ou sexa, do programa a través do que YouTube comparte os seus ingresos publicitarios cos creadores de contidos, que a partires de agora xa non aceptará a canles de YouTube que superen as 10.000 reproducións, senón que para conseguir a chamada monetización será preciso acumular 4.000 horas de reprodución nos últimos 12 meses e un mínimo de 1.000 subscritores.
Sobra dicir que este tipo de medida non evita en absoluto casos como o de Logan Paul e moitos outros youtubers famosos que superaron certas barreiras nos últimos anos, causando malestar nos anunciantes, senón que o que parece perseguir é consolidar aos creadores establecidos co efecto perverso de dificultar a chegada de novos creadores, que terán moi complicado botar a andar os seus proxectos.
A nova medida entrará en vigor o 20 de febreiro, data a partires da que entrarán en efecto estes criterios para a incorporación de canles ao programa de Partners, mentres que as canles anteriormente admitidas terán un período de graza de 30 días para conseguir os mínimos esixidos ou serán expulsados e de superalos no futuro terán que someterse a unha nova avaliación como calquera outra canle.
Dende YouTube aseguran que o 99% das canles afectadas ingresan menos de 100 dólares ao ano e, de feito, o 90% non chegarían nin aos 2,50 dólares no último mes, de xeito que non corresponderían a creadores que teñen a YouTube como a súa fonte de ingresos principal, polo que consideran que a súa eliminación do programa serviría principalmente para purgar o sistema de moitos usuarios que abusan do sistema e prexudican á comunidade de creadores sen aportar valor.

PUBLICIDADE