YouTube di adeus a Jon Stewart (e ó resto de programas de Comedy Central)

martes, 31 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Trala súa adquisición por parte de Google, estaba claro que a política de YouTube tiña que cambiar para que a empresa non morrera asfixiada polos xuízos provocados pola súa falta de respecto polos dereitos de autor dos contidos publicados na súa web como acontecera con Napster, así que dende Google xa anunciaran que eliminarían os materiais protexidos por dereitos de autor.
A purga de YouTube xa está a comezar, sendo agora os materiais en ser eliminados os correspondentes á canle televisiva Comedy Central, polo que programas coma The Daily Show With Jon Stewart, The Colbert Report e South Park desaparecerán do portal de vídeos. A pasada semana xa se eliminaran preto de 30.000 clips nipóns a petición dos propietarios dos seus dereitos.
Cabe subliñar que os programas de Comedy Central están a acadar máis éxito na Rede que na televisión por cable norteamericana, o que fixo que Jon Stewart se convertese nunha estrela sen discusión que chegou a presentar a gala dos Oscars este ano, aínda que agora os internautas deberán conformarse na descarga dos clips a través das redes P2P ou visitando a web de Comedy Central (que aproveita o éxito acadado para o seu aproveitamento publicitario na web, e tamén ofrece unha calidade de imaxe superior á dos vídeos en YouTube, de xeito que se poden ver satisfactoriamente a pantalla completa), xa que YouTube deixará de ser un territorio comanche.
Precisamente este cambio de política fai dubidar do futuro de YouTube, xa que moitos consideran que de eliminar os contidos protexidos por copyright só quedarían vídeos de xente facendo karaoke, polo que a compañía está a procurar acordos con algunhas compañías para compartir os ingresos publicitarios de xeito que non teñan que reducir ós seus contidos ó mínimo expoñente. ¿Poderá sobrevivir YouTube a este cambio de política?
ACTUALIZACIÓN: Finalmente parece ser que Viacom (propietaria de Comedy Central) está a negociar con YouTube para non ter que eliminar os vídeos do seu servizo, pero aínda non teñen pechado un acordo sobre a licenza dos seus contidos.

PUBLICIDADE