YouTube deixa de funcionar en numerosos dispositivos vellos

martes, 21 de abril do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos anos YouTube foi recibindo numerosas melloras, tanto para o usuario final como nos xeitos de interactuar con outras aplicacións e servizos a través de API, e tras un período de transición onte rematou o prazo fixado (en marzo de 2014) para deixar de ofrecer soporte para a coñecida como Data API v2, de xeito que consideran que deron tempo suficiente aos desenvolvedores para adaptar o seu software á Data API v3, pero nalgúns casos os usuarios quedan sen soporte para acceder a YouTube dende os seus dispositivos pola ausencia dunha aplicación actualizada.
Os usuarios que deixarían de acceder a YouTube serían principalmente os que teñan televisores e reprodutores de Blu-ray con funcionalidades de Smart TV fabricados hai máis de 3 anos, pero tamén quedarían fóra os dispositivos móbiles de Apple que non teñan como mínimo iOS 7 (que é a versión máis vella que conta cunha aplicación de YouTube actualizada), os reprodutores Apple TV das dúas primeiras xeracións, os dispositivos con Google TV desactualizados e moitos máis trebellos, aínda que nalgún caso será posible continuar a acceder a YouTube a través do navegador web.

PUBLICIDADE