YouTube dá o salto ao vídeo en formato panorámico

martes, 25 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Co novo reprodutor de vídeo de YouTube os clips panorámicos se ven sen bandas negras

Hoxe YouTube deu unha sorpresa aos seus usuarios ao establecer como estándar un formato de reprodutor do que xa estaba a empregar en probas. Agora a páxina web de YouTube emprega un ancho de 960 píxeles, co que se deixou o espazo suficiente como para abandonar o tradicional formato 4:3 dos vídeos en favor do formato 16:9 (panorámico).
Ata o momento os vídeos ocupaban un espazo de 480 x 360 píxeles, pero agora se conserva a altura dos clips pero se incrementa o seu ancho ata 640 píxeles, aproximándose moito á calidade televisiva (que é de 720 puntos) e amosando unha experiencia audiovisual máis acorde cos actuais monitores de ordenador (nos que o formato panorámico é estándar).
Por desgraza o cambio do reprodutor de vídeos de YouTube ten un efecto visual pouco elegante nos vellos vídeos en formato 4:3, xa que se presentan en pantalla con bordes negros laterais, pero mantendo o seu tamaño orixinal, polo que haberá que afacerse á súa reprodución deste xeito, o que por outra banda podería instalar a moitos produtores de contidos a dar o salto definitivo á relación de aspecto 16:9, que é a propia do vídeo en alta definición, co que YouTube está a experimentar ultimamente.
O cambio de formato do reprodutor de vídeo de YouTube tamén podería supor un duro golpe para plataformas de vídeo alternativas coma Blip.tv e Vimeo, que levaban tempo apostando por unha calidade de imaxe moi superior á de YouTube, o que cada día é menos certo.

PUBLICIDADE