YouTube censura un vídeo de Pereza no que se ve unha moza masturbándose

xoves, 15 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

YouTube é cada vez máis un niño de contradicións. O servizo de achega de vídeos en liña, malia o seu éxito incontestable a nivel mundial, ten que loitar con reclamacións de todo tipo por ter servido de apoio involuntario á violación de dereitos de autor pechados. A fronte activa de baixas presións vén dende todos os recantos: dende usuarios de a pé até grandes empresas do audiovisuais que non poden seguir aturando o que para elas é incomprensible: que haxa máis audiencia dos seus produtos no YouTube, libre e de balde, ca nas súas propias canles. Leas aparte, o certo é que nos últimos tempos tamén se está a rexistrar un aumento dos casos contrarios. É dicir: de cousas que YouTube censura coma se perigase a boa saúde da súa galiña dos ovos de ouro. Un exemplo claro disto é que vén de acontecer o videoclip dunha das cancións do grupo de rock Pereza, que logo de ser pendurado no dito servizo web, foi suprimido polo que a todas luces semella unha arroutada de puritanismo a destempo.
Segundo sinala Andrés Milleiro en Hipersónica, a acción veu desencadeada por unha serie de denuncias provocadas pola aparición dunha moza masturbándose no vídeo, feito que, ao parecer (e co doado que é non ver un vídeo en caso de que non che guste), resulta máis que inadmisible para os colectivos da Rede que máis esforzos poñen á hora de salvagardar a moral do resto dos internautas que non son eles. Como era de agardar, a xogada saíulle mal aos censores e redonda aos membros de Pereza, que a fin de contas procuraban o que procura calquera artista perante o público: audiencia e seguimento. Finalmente, o vídeo da canción Margot xa foi de contado subido por unha chea de usuarios de YouTube. A pregunta que nos podemos facer é: haberá os mesmos esforzos por parte destes colectivos á hora de censurar os sanguentos ataques contra Gaza?

PUBLICIDADE