YouTube cambia a súa portada

xoves, 23 de abril do 2009 Marcus Fernández

A xente de Google non sabe estar quieta, e así non para de engadir novidades aos seus servizos, sendo destino de varias modificacións esta semana o portal de vídeos YouTube, que vén de renovar a súa portada para ofrecer recadros con seleccións de vídeos destacados, do momento, en ascenso, recomendados e de amigos, espazos que podemos recolocar ao noso gusto.
Pero a cousa non queda aí, senón que tamén están a probar (para un grupo limitado de usuarios) a función YouTube RealTime, que permite comprobar na web do servizo se algún dos nosos amigos está conectado ao mesmo, de xeito que podemos seguir a súa actividade (que vídeos están vendo, os comentarios que escriben…) a través dunha barra persistente, que pretende instar aos usuarios a non abandonar YouTube, e así usar o servizo coma se fose unha plataforma para rede sociais (non podendo evitar que pensemos que parece unha característica copiada de Facebook).
Esta funcionalidade aínda está en probas, e non sabemos se pasará de tal fase, porque moitos usuarios verán bastante intrusivo compartir a súa actividade en YouTube con outras persoas, aínda que cómpre subliñar que RealTime podería impulsar o efecto viral de moitos contidos en YouTube, polo que haberá que agardar para coñecer cómo a recibe o público.

O YouTube RealTime só está accesible para uns poucos usuarios

PUBLICIDADE