YouTube advirte que a futura lexislación europea do copyright podería deixarnos sen moitos contidos en vídeo

martes, 13 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Dende YouTube aseguran que coa redacción actual do futuro regulamento europeo do copyright dende Europa non poderiamos ter acceso a vídeos como o da canción Despacito

O pasado mes de setembro o Parlamento Europeo tomou unha postura sobre o copyright considerada unanimemente contraria aos dereitos da cidadanía ao promover, entre outras cousas, medidas de control sobre os contidos que poden compartirse na Rede, ao que dende YouTube veñen de responder advertindo as consecuencias que pode ter o polémico Artigo 13 do texto aprobado.
Dende YouTube consideran que o texto do Parlamento Europeo realizan un achegamento pouco realista en moitos casos, principalmente porque en moitas ocasións os propietarios do copyright non concordan sobre quen posúe que dereitos e se os propietarios non están dacordo, é imposible esperar que as plataformas que hospedan os contidos poidan tomar as decisións correctas.
Como grande exemplo deste problema poñen precisamente o grande éxito musical Despacito, con preto de 5.700 millóns de reproducións en YouTube, que contén múltiples copyrights, e aínda que YouTube ten acordos con múltiples entidades para a licenza e o pagamento do vídeo, algúns destes propietarios dos dereitos aínda son descoñecidos, polo que cinguíndose ao Artigo 13 o vídeo tería que bloquearse para o territorio europeo. Amais, este risco de incumprir a lexislación, tendo en conta que cada minuto se suben a YouTube 400 horas de vídeo, sería altísimo dende o punto de vista financeiro.
Actualmente YouTube xa conta cun programa de identificación de contidos (Content ID) no que recaen máis do 98% das xestións de dereitos de autor na plataforma de vídeo, e que achegou máis de 2.500 millóns de euros por mor do uso de contido protexido por parte de terceiros. Consideran así que esta solución é a mellor para abordar a problemática do copyright a nivel global.
O Artigo 13 non só podería supor perdas económicas (lembran que no último ano YouTube pagou máis de 800 millóns de euros aos propietarios dos contidos e no caso da industria musical conseguiu captar 1.500 millóns de euros en publicidade), senón que tamén poderían restrinxir o acceso a contidos en vídeo aos cidadáns europeos. Propoñen así colaborar cos lexisladores á hora de establecer as normas leven a que o Artigo 13 poida protexer o copyright sen converterse nun grande problema para plataformas de contidos, creadores e usuarios.

PUBLICIDADE